Saturday 18 de May de 2024

O Concello súmase un ano máis ao programa A Radio Conta, cuxa 11ª edición será a favor de ABAC


O obxectivo é visibilizar a loita contra os Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA) a través do apoio á Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC)

Emitirase o sábado 30 de decembro desde o Teatro Colón, de 17.00 a 20.00 horas, con entrada de balde ata completar capacidade

A alcaldesa, Inés Rey, interveu esta mañá na presentación do programa solidario ‘A Radio Conta’ organizado polas emisoras da Coruña coa colaboración do Concello. Esta undécima edición da iniciativa estará dedicada á Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC) co obxectivo de visibilizar a loita contra os Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA).

A emisión poderase escoitar en calquera das frecuencias das oito radios públicas e privadas implicadas na iniciativa e emitirase o sábado 30 de decembro desde o Teatro Colón, de 17.00 a 20.00 horas, con entrada de balde ata completar capacidade. “Penso que un programa coma este, de unión e reivindicación da radio, non podía ter outro nome diferente ao de ‘A Radio Conta’ porque se algo é a radio, é unha gran narradora do noso día a día” explicou a alcaldesa.

Nesta undécima edición, uniranse a Moncho Viña e ao equipo de profesionais radiofónicos, o humorista David Perdomo, a artista Cristina Pato, o actor Juanillo Esteban e os presentadores Rodrigo Vázquez e Paco Lodeiro. Tamén contará coas actuacións de The Rapants, o Grupo Fua, Lúa Mosquetera e Namy and The Band. Tamén terá un ano máis o radioteatro con guión de Óscar Cruz así como unha homenaxe ás figuras da radio e da vida pública galega como Pepe Domingo Castaño ou Arsenio Iglesias.